As festas comezarán o 14 co nomeamento de Rodrigo Campos Cupeiro como representante das festas, gañador no proceso de elección aberto de representante, e a lectura do pregón por conta de Javier Gándara, un betanceiro internacional, director xeral para o sur de Europa dunha das principais compañías de aeroliñas como é EasyJet, presidente da Asociación de Lineas Aéreas (ALA) e recoñecido co premio “Enxeñeiro do ano 2023” polo colexio oficial de Enxeñeiros Aeronáuticos de España (COIAE).
Os dous formarán parte, xunto coa corporación local, da comitiva que, como todos os anos, sairá ás 20:15 do edificio Arquivo, formada pola Escola Municipal de Folclore e o Grupo Azougue, o grupo de gaitas Os Brigantinos, as Danzas Gremiais Xóvenes do Pobo con danzas de mariñeiros e labradores, a Policía Local e unha escuadra do Rexemento de Betanzos, os aguacís e a Banda Municipal de Música.
A primeira noite concluirá coas actuacións de Virtual Proyect que seleccionou un repertorio diferente de cancións que van desde o rock nacional ao pop rock internacional dos anos 80/90, e o grupo “Aquellos cantos locos” con tributo a “El Canto del Loco”.
O día 15 repetirase a comitiva desde as 18:30 horas para a lectura do pregón infantil por conta de María Dans Pena e o nomeamento de Vega Ferreño Gómez como representante infantil. Pola noite, espera a actuación da orquestra París de Noia.
O día 16 terá lugar a centenaria ofrenda a San Roque cun acto relixioso desde as 19:00 h na igrexa de San Domingos. A alcaldesa fará lectura da ofrenda ao copatrón das festas nun día que, loxicamente, estará marcado pola non celebración do lanzamento do Globo. A primeira edil referiuse a iso lembrando que “como eu mesma expliquei en varias ocasións durante estas últimas semanas, estivemos tentando evitar o que xa é inevitable, a ausencia do globo de papel máis grande do mundo, ata o último momento, mais non foi posible. Agora trátase de garantir que en 2024 volverá asucar os nosos ceos o Globo de San Roque, e con ese obxectivo e ilusión temos que seguir avanzando, para que o deste ano non volva producirse”. Esa noite, tal e como estaba previsto co Globo, actuará a orquestra Fuego coa tradicional tamén sesión de fogos artificiais.
O día 17 terá lugar a actuación do grupo Claxxon mentres que o 18 celebrarase a primeira xira aos Caneiros. Á volta, a quenda será para a orquestra Marbella. Antes, durante toda a xornada animará a romaría as charangas NBA e DXT.
O día 19 estará marcado por competicións deportivas e as actuacións de Dani Royo cun tributo ao xa desaparecido Antonio Flores a partir das 22:30 horas e o concerto de Loquillo.
Dará paso a outra xornada, a do 20, con máis competicións deportivas durante o día e pola noite a presenza na praza dos Irmáns García Naveira de Susana Seivane.
O día 21 estará dedicado aos máis pequenos que desde as 21:30 h poderán gozar en familia dun espectáculo musical que está a recoller éxitos alá onde se celebra “Tadeo Jones”.
O día 22 os máis pequenos terán desde as 18:00 h, prezos reducidos nas atraccións da praza dos Irmáns Gacía Naveira nun día, que servirá para render homenaxe ao centro Pai Menni pola conmemoración do seu centenario, programando unha verbena de convivencia e integración entre usuarios e usuarias e as súas familias con Betanzos. Encargará de animar a noite será a orquestra Unión y Forza.
O 23 será de novo para os máis pequenos e pequenas cunha xornada de actividades no parque do Pasatempo desde as 17:00 horas. En caso de choiva trasladarase ás pistas cubertas do Carregal. Pola noite, a actuación da banda de Rock&Soul, que fusiona música rock con parte vocal de soul. Actuará o grupo BROKEN PEACH.
O día 24, día de San Paio, haberá grupos de gaitas na romaría de Tiobre. Tamén a segunda xornada de festa infantil no auditorio do Pasatempo. Pola noite, a festa trasládase á praza da Constitución co grupo Versionettes.
As festas concluirán o día 25 coa segunda xira aos Caneiros e a actuación da orquestra Galilea.